martes, 21 de junio de 2016

Encontro de Embaracións Tradicionais de Galicia

O Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia (EETG) vense celebrando bienalmente dende 1993. O EETG é convocado por Culturmar, e organizado conxuntamente por Culturmar, a entidade local a quen se lle encomenda e o Concello onde se ubica a vila na que se celebra.

A vindeira edición, a décimo terceira, celebrarase en Combarro-Poio entre os días 29 de xuño e 2 de xullo de 2017, organizado por Culturmar, o Concello de Poio e o CM A Reiboa



O EETG consiste principalmente nunha gran concentración de embarcacións tradicionais, entre cen e cento cincuenta, na que participan as asociacións que compoñen Culturmar e outras afíns, tanto de Galicia  como de Portugal, Irlanda, Francia, País Vasco, Cataluña, Andalucía, Levante ou Illas Baleares, así como particulares e institucións de interese cultural e patrimonial. É a maior concentración destas embarcacións que se celebra na Península Ibérica.

Acompañando esta concentración durante as catro xornadas, desenvólvense unha chea de actividades culturais e de lecer arredor do patrimonio e da cultura mariñeira: obradoiros, mostras, exposicións ou manifestacións artísticas diversas (música, teatro, danza, recitais de poesía, etc.)

A función principal dun EETG é pór de manifesto a riqueza do Patrimonio Marítimo e Fluvial Galego e a necesidade de conservalo e poñelo en valor. Por outra banda, serve para amosar o traballo de recuperación do patrimonio que realizan as asociacións e particulares.




É preciso subliñar un aspecto que non sempre é percibido en relación ao Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, e a todo o movemento a prol do património marítimo-fluvial: o seu potencial como elemento de dinamización das comunidades mariñeiras en sectores como a carpintería de ribeira, a velaría, os efectos navais, artesanía,... e sobre todo, na medida que se está a protexer, conservar e divulgar o Patrimonio Marítimo e Fluvial Galego, estamos a potenciar os atractivos turísticos das comunidades da beiramar, axudando a un turismo sostible, tal e como recomendan os diversos proxectos en marcha da Comunidade Europea e o recente manifesto mundial dos museos co gallo da celebración do día mundial dos museos.




Un piar fundamental que fai de cada EETG algo único é o seu caracter  itinerante, o traballo de dinamización e de visibilización do patrimonio marítimo sería moito menos efectivo se o EETG tivese unha sede fixa. Por este motivo Culturmar optou pola itinerancia a fin de espallar o traballo de divulgación ao longo de toda a xeografía galega.

Por outra banda, esta itinerancia permite a participación na súa organización de entidades, asociacións e persoas da vila onde se celebra. O sistema de organización mediante unha comisión organizadora aberta e plural, permite reflectir en cada edición as singularidades propias de cada vila. 



Así dende o CM A Reiboa tentamos dar cabida á maior cantidade de entidades e asociacións do concello de Poio na comisión organizadora, para que o XIII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia sexa de todos e reflicta o carácter e ideosincrasia propias de Poio e de Combarro en particular.

De maneira que animamos a todas as asociacións, entidades e particulares a participar nas próximas convocatorias da comisión organizadora do XIII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, a primeria das cales celebrarase o día 1 de xullo en lugar e hora aínda por fixar.

P.S.: Insertados no medio do texto deixamos varios vídeos das edicións celebradas do Encontro dende o 2001, cando se celebrou en Combarro. Así ésta será a primeira vez que o Encontro repita sede.



No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada