viernes, 16 de diciembre de 2016

Sentir o Mar. Navegacións

Nas últimas edicións do Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia reservouse unha xornada para achegar a navegación a persoas con discapacidade física e síquica. Estas xornadas denominanse "O Mar para Todos".

No XIII Encontro tamén terá o seu lugar esta xornada, pero nas xornadas de traballo do comité organizador decatámonos de que se podía ir un pouco máis alá, e así naceu "Sentir o Mar".

O proxecto "Sentir o Mar" pretende achegar a experiencia de navegar a vela nunha embarcación tradicional a persoas que non tiveran a oportunidade de facelo por causas de discapacidade, neste caso visual, e transmitir a todo aquel que queira descubrilo, cómo se vive o mar sen a experiencia visual a través de pezas, intervencións e/ou instalacións artísticas.

Este proxecto é promovido pola Asociación Socioeducativa e Cultural Dinamo, ao abeiro do XIII Encontro onde serán expostos os audiovisuais e as expresións artísticas que xurdan del. Colaboran a O.N.C.E., a Universidade de Vigo, o Clube Mariño A Reiboa, Culturmar e Combarromar.

O día 8 de decembro levouse a cabo a primeira fase do proxecto. Realizaronse tres navegacións nas que nove estudantes afiliados á ONCE tiveron a oportunidade de navegar no galeón Luisa.


Os mozos e mozas participantes ían acompañados de monitores da ONCE, dun patrón e dous mariñeiros da Reiboa. Participaba tamén Xavier Domínguez, profesor do centro de recursos educativos da ONCE en Pontevedra, persoa clave para artellar as navegacións e preparar o Luisa para recibir ás tripulacións desta xornada.




A experiencia foi documentada pola Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo co propósito de realizar un documental que será levado por tres centros educativos da contorna de Pontevedra, nas seguintes fases do proxecto.






Este pequeno video mostra algunha das experiencias nesta xornada de navegación. A montaxe é provisional e só a pomos a modo de adianto.


No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada