domingo, 11 de junio de 2017

Comunicado de Culturmar sobre o incendio do estaleiro de Casqueiro en Moaña


Reproducimos o comunicado de CULTURMAR, a raíz do atentado contra o estaleiro de Casqueiro en Moaña:


A xunta directiva de CULTURMAR-Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, en nome das máis de corenta entidades que a conforman, manifesta a súa absoluta condena e repulsa polo incendio, provocado segundo todos os indicios, do estaleiro de Casqueiro en Moaña.

O sucedido foi un atentado contra os veciños de Moaña porque puido haber danos persoais ou materiais máis alá dos sufridos polo estaleiro. Tamén foi un atentado contra o patrimonio cultural galego porque o ben destruído estaba en proceso de catalogación e polo tanto baixo a protección que esa figura outorga. E foi unha especie de desafío ao goberno galego porque foi executado horas despois de que a Consellería de Cultura publicase no DOG o inicio do proceso de declaración como ben de interese cultural do patrimonio inmaterial as técnicas construtivas da carpintaría de ribeira.

Reiteradamente viñemos manifestando nos últimos anos que as carpintarías de Casqueiro é Carlagho conforman un conxunto de elevado valor etnolóxico, de gran valor cultural e identitario, coa enriquecedora peculiaridade engadida de estaren hoxe inseridos no corazón urbano da vila.

Esta convicción levounos a emprender accións ante a Administración a fin de salvagardar os estaleiros a través da súa conservación íntegra e da súa rehabilitación co obxectivo de acubillar nas súas instalacións a actividade tradicional que lle é propia, construción e reparación de embarcacións tradicionais en madeira, completándoa con diversas actividades relacionadas coa cultura mariñeira. Actividades todas elas, que con esforzo comezara a desenvolver desde hai tempo a asociación Sueste.

Ante a retesía provocada pola construción do Paseo da Seara propugnamos e defendemos sempre a compatibilidade do remate do paseo coa preservación e funcionalidade de ambas carpinterías. Algo de sentido común e para o que non existe ningún impedimento técnico: conxugar salvagarda patrimonial con novos usos urbanísticos e necesidades veciñais.

A delongada loita pola preservación destes estaleiros moañeses levada a cabo por múltiples veciños e entidades de Moaña, e apoiada no resto do país por cantos defendemos o patrimonio e a cultura mariñeira, acadou finalmente eco na Dirección Xeral do Patrimonio que deu inicio hai máis dun ano á súa inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia. Casualmente, cunha iniciativa que levabamos anos reclamando, o mesmo departamento da Xunta publicaba no DOG unhas horas antes do salvaxe incendio o inicio do procedemento para declarar Bens de Interese Cultural as técnicas construtivas da carpintaría de ribeira, coa consecuente elaboración do censo e rexistro, xunto cos barcos e mestres carpinteiros, das propias carpintarías. Infelizmente, talvez non sexa casual tal coincidencia no tempo.

Culturmar repudia, e espera que responda ante a xustiza, a man criminal que plantou lume ata arrasar o propio estaleiro e as embarcacións e outros bens que había no interior, poñendo mesmo en risco a veciñanza próxima.

Finalmente, facemos unha chamada ao diálogo pacífico e ao comportamento cívico da veciñanza de Moaña. E, agora máis ca nunca, convocamos á defensa do patrimonio e da cultura marítima.


lunes, 29 de mayo de 2017

Seis concertos durante o XIII Encontro

Seis concertos animarán as noites do Encontro de Combarro Susana Seivane, Caxade ou Agoraphobia compartirán protagonismo con charangas ou corais locais.

O comité organizador do XIII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, que se celebrará en Combarro do 29 de xuño ao 2 de xullo, reuniuse na pasada tarde de sábado para avanzar na configuración do cartel do evento. Serán catro xornadas nas que a música se presenta como o complemento perfecto para o extenso programa de actividades que está a piques de pecharse.



Durante o día, charangas, corais e agrupacións de música tradicional do entorno encargaranse de que o ritmo e o bo ambiente non decaian. E, xa ao caer o sol, o público poderá gozar da posta en escea de seis formacións da primeira liña da escena musical galega actual. Champurrada; Agoraphobia; Caxade; O Sonoro Maxín; As Tanxugueiras; e Susana Seivane; ofrecerán tres noites de fusión musical, punk, rock, indie e folk para todos os públicos. Cando falta pouco máis dun mes para o Encontro de Combarro, a xunta directiva e as asociacións recollidas baixo o paraugas de Culturmar continúan co intenso traballo de organización dun evento que traerá ata Poio arredor de 150 embarcacións tradicionais de Galicia, Portugal ou Euskadi. Para todos eles; así como para o numeroso público que se agarda que pase pola vila neses días; e, como non, para a propia veciñanza; tense deseñado unha completa programación que conxuga as saídas de navegación cun sinfín de actividades en terra, cunha pata ben asentada no eido musical.

A primeira xornada do Encontro culminará cunha noite do punk-rock máis actual, da man das bandas Champurrada e Agoraphobia. O venres sera a quenda para as músicas de fusión; grazas ao indie-folk de Caxade e aos ritmos da “Galicia tropical” do Sonoro Maxín. E, xa o sábado, a gaita da ben coñecida Susana Seivane e o trío de pandeiretas das Tanxugueiras porá a guinda.

Champurrada é un grupo nacido en Vilariño (Poio), co único obxectivo de facer que o seu público o pase ben e, de paso, eles tamén. A súa traxectoria musical arrincou arredor do ano 1996 e, “grazas a toda a xente que os segue apoiando, rexurdiron das súas cinzas no 2013”. As súas letras falan, a ritmo de rock e de xeito real, crú e sen tapuxos”, “sobre os temas cotiás, do día a día, do que lle pasa ao veciño ou das recomendacións que che botan os avós”.

Dende Boiro chegará Agoraphobia. Unha banda que pode presumir de ser unha das poucas formacións musicais integramente femininas do panorama actual. Con apenas 16 anos comezaron a dar renda solta ao seu gosto polo punk-rock e o rock alternativo; ata que no 2013 a banda consolídase. Nese ano gañan o Vodafone Yu Music Talent. Pronto son seleccionadas para participaren no festival South by Southwest de Texas, que achega o seu primeiro disco, “Dirty little things”, ao mercado americano. Pouco despois lánzanse á gravación do seu segundo disco: “Ready to play”. 

Caxade é o proxecto persoal de Aloxo Caxade. Mellor Artista nos XIII Premios Opinión; Premio Martín Códaz da Música; gañadora do Certame Música Xove; e representante galega no SUNS Europe 2015; trátase dunha formación folk-pop “cun arrecendo a música minimalista e a sons bucólico-pastorís da vella Europa. Música elegante, modesta e sinxela”, con doses de “surrealismo pos-modernista e un discurso reivindicativo, metafórico e irónico”. A formación, nacida en 2012, editou o seu primeiro traballo discográfico “A dança das moscas” ao ano seguinte. O seu segundo traballo, “E isto é o amor”, veu a luz en 2016. O Sonoro Maxín fórmase en Ourense no verán do 2007 a partir da xuntanza de músicos provintes dos grupos Lamatumbá e Cinnamon Gum. Entre 2008 e 2010 dan máis de 150 concertos pola xeografía galega e comparten esceario con Manu Chao & Radio Bemba Sound System; Shantel & Bucovina Club Orkestar; Tonino Carotone; Los Delincuentes; La Troba Kung-Fú; ou Che Sudaka. Tras unha xira por Portugal, ve a luz o seu primeiro disco: “A onda sonora”, de 2012, que chegou ata os escenarios do norte de Alemaña. A finais de 2016 inician a gravación do seu segundo traballo discográfico: “Sete e dezasete”. 

 Das Tanxugueiras “din os que saben que son as grandes promesas do trad feminino”. Sendo aínda unha incorporación recente ao panorama musical, o potente trío de voces e as pandeiretas de Sabela, Olaia e Aida téñense convertéronse recentemente nun éxito viral, grazas ás 200.000 visualizacións que recentemente acadou un vídeo dunha improvisación súa na zona de camerinos do festival folk Celtic Connections de Glasgow. 

De Susana Seivane pouco cabe explicar a estas alturas. Nacida en Barcelona e pertencente á recoñecida familia de gaiteiros e artesáns propietarios do Obradoiro de Gaitas Seivane, a gaiteira deuse a coñecer no 1999 co seu primeiro traballo discográfico e o a súa moderna posta en escena. Despois viñeron “Alma de buxo”; “Mares de tempo” , disco no que Seivane demostra tamén as súas aptitudes vocais; “Os soños que volven”; e a gravación en directo “Susana Seivane e amigos”. Actualmente está a piques de lanzar o seu quinto álbum, “que recolle os sentimentos do embarazo e a maternidade. Posiblemente, o disco máis intimista da gaiteira. Romántico, inspirador e tenro, creado para nenos e non tan nenos, pais e fillos de todas as idades”.

jueves, 18 de mayo de 2017

Comenzamos cos actos previos á celebración do XIII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia.

Conferencia a cargo de Bernardo Maiz: "O mar ha historia de Galiza".

Un percorrido, non exento de datos e anécdotas, sobre os principais feitos que condicionaron a nosa cultura, o noso xeito de entender o mar e como o ocupamos e vivimos.

Data e hora: venres 19, ás 19:30 horas

Lugar: Sexto edificio do Museo de Pontevedra, rua Padre Amoedo Carballo, 3.

Antes da conferencia farase unha breve presentación do XIII Encontro



viernes, 5 de mayo de 2017

Charla na Escola do Campo, sábado 13.




O sábado día 13, ás 19:30, na Escola do Campo de Combarro, teremos unha charla para ir contándolle aos veciños de Combarro e Poio o que é un Encontro, e como participar nel.

Estará alguen de Culturmar para contarnos que é o patrimonio marítimo, que é un Encontro, alguen do noso Club para explicar como se vai organizar o XIII Encontro, e algún voluntario de edicións anteriores para contarnos a súa experiencia


Tamén se proxectarán algún pequeno video e fotos de outras edicións.



jueves, 6 de abril de 2017

Voluntariado XIII Encontro

Un dos piares fundamentais para a organización dun evento como o Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia é o traballo voluntario. Os voluntarios axudan na atención aos mariñeiros e embarcacións participantes, colaboran na instalación e demontaxe das infraestructuras, dan información aos visitantes, colaboran nos obradoiros e no Encontro Infantil.... Son tamén unha parte esencial de que cada unha das edicións do Encontro sexa distinta, o carácter, forma de ser e actitude de cada unha das vilas nas que se celebra o Encontro reflíctese na organización e na experiencia que viven os participantes e visitantes.


Pero o voluntariado tamén é unha forma de participar do Encontro, de vivilo dende dentro, de compartir experiencias e vivencias coas tripulacións que participan. Unha oportunidade de divertirse e de pasar uns días dun xeito diferente.

Na web do Encontro xa está dispoñible este formulario para que aqueles que queiran participar no voluntariado do Encontro se poidan anotar.

Apúntate! Non fai falla un compromiso polo Encontro enteiro, un día, dous, unhas horas, todas as mans son benvidas para levar a cabo un evento destas dimensións.

martes, 14 de marzo de 2017

Calendario de achiques 2017

Calendario de achiques dos barcos do club para o 2017 e principio do 2018


Como sempre quedará a estribor da páxina

jueves, 26 de enero de 2017

Reunión do Comité Organizador

O sábado 28 teremos reunión do Comité Organizador do XIII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia.

A reunión será as 17:00 horas na Escola do Campo de Combarro.

O Comité está aberto á participación de aquelas asociacións ou particulares que desexen colaborar coa organización do Encontro.

Se desexas participar na reunión ponte en contacto con nos no correo cmreiboa@gmail.com